#BoikotInditex

Start here

Video de acción #BoikotInditex

Chegou á plataforma estes días un vídeo dunha xente que está levando á práctica accións de boicot a Inditex. Neste caso foron un grupo de persoas que etiquetaron as prendas de roupa nunha serie de tendas do grupo, visibilizando as malas prácticas que levan a cabo.

A acción é ben sinxela, e convidámosvos a que a poñades en práctica, só se precisan etiquetas adesivas, imaxinación e unha visita á tendas do grupo, podedes pegalas sobre as etiquetas das prendas para que, quen merque, sexa consciente de que colabora coas prácticas que o grupo Inditex que leva a cabo en todo o mundo, como a explotación, a venda dun modelo de beleza que oprime ás mulleres, etc.

Agradecemos a esta boa xente que nos fixera chegar este vídeo e mostrámoslles todo o nosos apoio e, inisitimos, é ben fácil de facer, animádesvos??

Descosendo nas rebaixas, primeira acción da plataforma #BoikotInditex na Coruña

Hoxe, 12 de xaneiro de 2013, na Praza de Lugo da Coruña, a Plataforma #BoikotInditex realizou unha acción de presentación da súa campaña de Boikot ao grupo Inditex.

Esta plataforma pretende visibilizar ante a cidadanía as prácticas abusivas que o grupo Inditex realiza a través non só do trato aos seus cadros de persoal nas distintas partes do mundo, senón tamén na Galiza. Denuncia tamén a súa política de contratas e subcontratas, o seu modelo de consumo de fast fashion e a súa contribución a un modelo de beleza marcado polo sistema patriarcal e capitalista.

A acción realizouse diante da tenda Bershka da praza de Lugo da Coruña, hoxe, primeiro sábado de rebaixas, situándose un grupo de mulleres a coser simulando o traballo nos talleres textís mentres visibilizan mediante cartaces situacións reais que se producen no sistema de traballo do grupo Inditex.

A día de hoxe o modelo de empresa que iniciou Amancio Ortega é un modelo que se presenta como de éxito xa que conseguiu situar ao seu principal accionista como o terceiro home mais rico do mundo, que, a pesar da crise na que nos atopamos que empobrece día a día á cidadanía, segue a aumentar os seus beneficios a costa dese sistema de explotación.

Os medios non tiveron xa mais remedio, que sacar á luz as fechorías que o grupo Inditex vai facendo polo mundo adiante a través de subcontratas que escravizan a mulleres e crianzas no seu proceso de producción, sen embargo silencian que isto tamén acontece aquí, no noso país, no suposto primeiro mundo, e a plataforma #BoikotInditex pretende tamén denuncialo.

Por todo isto a plataforma #BoikotInditex comeza esta campaña que seguirá realizando accións de denuncia e boicot ao grupo de empresas e convida ás persoas e colectivos que se queran sumar a participar da plataforma.

PORQUE A VOSA FORTUNA É A NOSA MISERIA: BOICOT A INDITEX!!

Fotiños da acción

Vídeo

Manifesto: a vosa fortuna é a nosa miseria

Case cada día os medios de comunicación de todo tipo felicítanse polos “logros” da empresa Inditex coma un bo sinal para a economía do Estado español, adicándose a dar soamente datos financeiros do seu crecemento económico contínuo mesmo en tempo de crise, mentres obvian as realidades que se agochan detrás. As semblanzas amables (Amancio Ortega coma exemplo de “campechanía”) e a publicidade mediática non parecen ter outro obxectivo que lexitimar as “bondades” dun modelo e un xeito de facer que se chega a considerar exemplar, ata o punto de ensinalo nas universidades e escolas financeiras. Por iso cremos necesario amosar a outra cara da moeda.

Por un lado, o custo socioeconómico que este modelo Inditex ten na nosa área máis achegada: a presión e as pésimas condicións laborais ás que somete ao seu cadro de persoal no Estado e a redución deste a pesares do aumento dos seus beneficios; o mal uso das subvencións estatais que recibe, non adicadas á creación de emprego e produtos de calidade senón a consolida-la súa posición no mercado mediante a explotación laboral a nivel global ou a súa política de subcontratas con empresas que non cumpren as mínimas condicións laborais.

Este xeito de facer foi “exportado” a aqueles países nos que externalizou a súa produción. Non son poucas as denuncias e informes que distintas organizacións fixeron sobre a situación de explotación laboral rozando a escravitude, a persecución sindical e a vulneración da liberdade de asociación en países como India, Bangladesh, Camboxa, Marrocos, Arxentina ou Brasil, obrigando á empresa a asinar distintos convenios de “boas prácticas” de cara a lavar a súa imaxe pública. Esta suposta responsabilidade corporativa que a empresa Inditex di cumplir queda en papel mollado no momento en que emprega subcontratas non declaradas e nunca investigadas, nas que as principais vítimas da explotación son, como non, as mulleres e as nenas e nenos.

O Grupo INDITEX é a primeira multinacional téxtil do mundo e é considerada polos medios e os gobernos galego e español coma exemplo de triunfo e desenvolvemento empresarial, pero este logro non se debe a ningún mérito lícito senón á explotación á que somete á súa forza de traballo e ós seus e ás súas consumidoras e consumidores, non revertendo eses beneficios na sociedade á que dí favorecer ofrecendo supostamente emprego digno e produtos asequibles e de calidade. Ademais, a moda express (fast fashion) de renovación constante do vestiario que promove Inditex conleva un tipo de consumo totalmente irresponsable, na mesma liña do tipo de produción baseada na externalización, a deslocalización e o transporte de mercadoría dun lado ao outro do mundo, que supón unha forte pegada ecolóxica e humana.

En contra do que os medios queren facernos crer, Inditex non deixa de ser un dos maiores exemplos de salvaxismo capitalista no que a economía, en lugar de estar ao servizo do ben común de todas e todos, trata ás persoas e á natureza como simples materias primas das que obter os maiores beneficios para unha minoría.Este é o sistema que queremos, que converte en loable o que a todas luces non o é, obviando as implicacións e os procesos humanos e ambientais que interveñen no seu funcionamento?

Por todo isto, e pola proximidade e o impacto directo que as súas prácticas teñen e tiveron no noso país, reivindicamos a necesidade de facerlles fronte e esiximos ó Grupo INDITEX que cese en todas esas prácticas que somentes lles dan proveito ós seus directivos a costa do traballo e o consumo do pobo. Namentres faremos unha campaña de boicot á tódalas súas marcas (Zara, Bershka, Stradivarius, Oysho, Kiddy’s Class, Uterqüe, Pull & Bear, Zara Home e Massimo Dutti).

Porque a vosa fortuna é a nosa miseria: Boikot a Inditex!!